O mural de Aspaber gaña o segundo premio do 8º Concurso de murais de Suministros Lar
11 de xuño de 2018 - Dos programas
Na entrega de premios da 8º edición do Concurso de murais “Lar na escola”, organizado pola empresa ceense Suministros Lar, que tivo lugar o pasado venres, o xurado concedeulle ao mural de Aspaber o segundo premio deste concurso ao que se presentaron outras 8 obras de centros escolares e entidades da Costa da Morte.
O xurado estivo formado polo presidente do concurso Quintero, o profesor e crítico de arte Antón Castro, a técnica cultural e artista muxiana Viki Rivadulla e o fotógrafo vimiancés, Antonio Nodar, que estiveron acompañados pola xerente de Lar, Tatiana Rodríguez; o xefe de ventas de Mapei en España, Albert Corina, e o director da revista L’informati, Ramón Capdevila. Todos eles destacaron o gran traballo realizado por todos os participantes.
Nesta primeira participación de Aspaber neste concurso, os mosaicos tiveron que acoplarse a un formato cilíndrico e o tema principal a desenvolver foron os faros da Costa da Morte, como homenaxe aos fareiros e mariñeiros, homes e mulleres que dedicaron a súa vida a estes oficios.
Cada centro participante tiña asignado por sorteo un destes faros, sendo o faro de Laxe o que lle tocou en sorte a Aspaber, que logo de visitalo e estudialo “in situ” os rapaces e rapazas da entidade comezaron a facer os primeiros esbozos ata finalizar confeccionando, coa axuda dos monitores da entidade, o mural gañador deste 2º premio despois de dous meses de minucioso traballo.
Esta obra na que participaron 18 usuarios/as da entidade presentouse baixo o título “Un mar de oportunidades”, tendo por significado: destacar as fortalezas e as virtudes das persoas, en dar oportunidades, e valorar que as diferenzas nos enriquecen e o respeto nos une.