27 de agosto de 2013

O próximo pleno do Concello de Carballo ratificará a concesión a Aspaber do servizo de limpeza dos colexios Fogar, Bergantiños, A Cristina e Nétoma - Razo, ademais de varias escolas unitarias. Esta ampliación da actividade do centro especial de emprego supón que dobrará a oferta de postos de traballo a discapacitados. Nos próximos meses incrementarase máis a cifra, porque a empresa se fará cargo tamén da reparación de colectores de distinto tipo.

As actividades laborais de Aspaber comezaron no ano 2000 e agora multiplicáronse. O centro fíxose cargo do mantemento en bo estado das rúas da Laracha e acaba de renovar co Concello de Malpica. O equipo actual está formado por 20 persoas, das que 11 son traballadores subrogados. Os demais son de Aspaber. Para as instalacións educativas terase que realizar a contratación doutras 10 persoas.

A directora do centro, Dolores Fernández, sostén que non é doado competir con outras empresas en igualdade de condicións. Recoñece que perciben unha prestación por cada posto que se crea, pero sinala que é necesario maior apoio. Segundo indica, o único aspecto que lles favorece é que poden ofrecer máis persoal para a mesma tarefa, posto que a finalidade de Aspaber é a creación de postos de traballo e non a obtención de beneficios. Dolores Fernández afirma que a idea era que os Concellos incluísen unha cláusula social nos concursos, pero non foi así, polo que deben acudir nas mesmas condicións, o que os fixo perder en varias ocasións. Un dos casos máis recentes é o de Ponteceso.

Ademais en cada licitación é precisa a realización dun proxecto, o que resulta bastante custoso. Aínda así, o centro experimentou un notable crecemento nos últimos anos e o bo facer dos seus traballadores chegou a distintos puntos de Galicia. Dende o Concello de Marín invitáronos a presentarse á licitación pola limpeza vial, aínda que finalmente non a conseguiron.

Agora as esperanzas están postas na franquía para a reparación de colectores de lixo, froita ou peixe. Para poder acceder a esta nova posibilidade foi necesario investir 35.000 euros en maquinaria e hai que formar o persoal.

Ese é precisamente o motivo polo que Aspaber opta aos concursos que lle aseguren traballo durante varios anos. Dolores Fernández sostén que só é posible ensinar os alumnos mentres están a realizar o traballo. Por iso explica que non compensa realizar toda este labor para contratos de tres ou seis meses.