ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

O Conselleiro de Política Social destaca o traballo de Aspaber na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual a través da integración social e laboral

24 de outubro de 2016   -    Do sector

Visita do Conselleiro de Política Social a Aspaber Visita do Conselleiro de Política Social a Aspaber

Esta mañá o Conselleiro de Política Social en funcións José Manuel Rey Varela visitou os centros de día, ocupacional e residencial de Aspaber na rolda de encontros que o titular da carteira autonómica está a realizar por toda a Comunidade Autónoma. Estivo acompañado pola Directora Xeral de Maiores e persoas con discapacidade María del Coro Piñeiro Vázquez, o alcalde de Carballo Evencio Ferrero, a edil de Igualdade e Benestar Mari Carmen Ures, o deputado Aurelio Núñez Centeno e os membros da Xunta Directiva de Aspaber. 

Rey Varela coñeceu de primeira man o" importante traballo que leva a cabo ASPABER dende hai 40 anos, encamiñado a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias e intentando dar resposta ás necesidades de integración social ".

A entidade conta cun centro ocupacional que atende a 78 usuari@s e no que se facilita o desenvolvemento das capacidades formativo-laborais e ocupacionais coa finalidade de conseguir un axuste persoal, social e laboral que os dirixa á súa integración e normalización das súas condicións de vida. O mesmo tempo o centro de día, que conta con 30 usuari@s, facilita apoios e servizos diversos a través de actividades funcionais de tipo formativo, terapeutico e lúdico. Asimesmo a entidade conta cun centro residencial no que se atende a unhas 16 persoas de luns a venres, onde conviven temporalmente en réxime de internado persoas con discapacidade con necesidades de apoio que por razóns sociais, familiares ou ocupacionais, teñen dificultades para permanecer no seu fogar.

O conselleiro de Política Social salientou o completo traballo que desenvolve a entidade, xa que a parte dos servizos que leva a cabo, conta tamén cun centro especial de emprego, onde se xeran condicións laborais para a incorporación das persoas con discapacidade intelectual a un posto de traballo. Os 44 traballadores deste centro realizan na actualidade traballos de limpeza viaria, limpeza de edificios públicos e colexios entre outros.

O conselleiro en funcións lembrou que a Xunta de Galicia mantén con ASPABER un concerto de 125 prazas para o que a administración autonómica inviste un millón de euros neste 2016.

Así mesmo destacou, que o goberno Autonómico en funcións " non é alleo á importancia que teñen estes centros no desenvolvemento persoal das persoas con discapacidade”.

Deste xeito, lembrou que “estamos iniciando unha lexislatura co compromiso de desenvolver un ambicioso plan de atención á discapacidade, polo tanto é fundamental coñecer as necesidades de ASPABER e das entidades do sector”, afirmou o conselleiro.

O titular en funcións da carteira autonómica insistiu en que “coordinarse e traballar conxuntamente coas outras administracións e coas entidades é o bo camiño para poder avanzar na igualdade de dereitos e oportunidades das persoas con discapacidade, por elo ASPABER sempre contará neste obxectivo co apoio da Consellería de Política Social”.


Imaxes