ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

Pechamos os actos do noso 40 aniversario cunha gran gala festiva en Carballo

19 de decembro de 2016   -    Do sector

Ensaios previos á Gala do 40 anviversario Ensaios previos á Gala do 40 anviversario

Con motivo do noso 40 aniversario e como broche final aos actos que durante este ano vimos celebrando, este pasado domingo celebramos unha gran gala no Pazo da Cultura de Carballo, na que participaron os usuarios, os seus familiares e amigos, os socios fundadores, o actual equipo directivo e o alcalde de Carballo, Evencio Ferreiro. Asimesmo  tamén asistiron a este acto os alcaldes da Laracha José Manuel López Varela, de Malpica Eduardo Parga e de Coristanco Amancio Lavandeira entre outras autoridades políticas e representantes de asociacións e o mundo empresarial como Calvo e Galopín.

A gala, presentada por tres persoas con discapacidade, deu comezo coa construción da “Árbore de Valores” para dar paso a unha sentida homenaxe aos socios fundadores de Aspaber que hai catro décadas se xuntaron para procurar unha vida mellor para os seus fillos e fillas “xa que daquela estaba todo por facer”. Dolores Fernández, directora da entidade, logo de facer un relato breve destes 40 anos de historia, puxo de manifesto que “se ben hoxe o éxito do proxecto é a integración plena que culmina coa formación e emprego destas persoas, non menos importante foron as dúas etapas previas para darlles visibilidade social e facer valer os seus dereitos como cidadáns” porque “a condición de persoa -subliñou- non ven dada por se es máis alto ou máis intelixente senón polo entorno de humanidade no que vives e te recoñecen”. Dolores agradeceu tamén á cidadanía carballesa a súa comprensión e a boa acollida que sempre dispensaron aos rapaces e rapazas de Aspaber.

No acto proxectouse o documental Fóra de serie, que xunto co libro do mesmo nome, recollen non só a bagaxe e os logros acadados por Aspaber e os seus usuarios durante estas catro décadas senón tamén, e sobre todo, a importancia dos xestos e as accións, tanto colectivas como individuais, que provocan cambios sociais e contribúen a eliminar barreiras. Fóra de serie exemplifica unha loita que malia todos os obstáculos foi capaz de lograr todas as aspiracións que se propuxo e converter en realidade o que, en principio, parecía imposible. O proxecto foi coordinado pola empresa carballesa Phottic, que contou coa colaboración do xornalista Manuel Rey para escribir o libro e do documentalista Xosé Bocixa para realizar a reportaxe gráfica. Cada quen, dende a súa profesionalidade, aporta a Fóra de serie a súa visión para trasladarnos unha mensaxe positiva que toma como exemplo o traballo de Aspaber que, con moitas dificultades e limitacións, puxo en marcha un proxecto que parecía imposible e converteuno nunha realidade. Manuel Rey salientou que foi el quen aprendeu moito destas persoas que coa súa historia cambiaron a súa vida persoal, mentres Bocixa destacou que a lectura final é que “capaces somos todos aínda que todos temos dificultades. Trátase de non poñer límites ao noso camiño. Trátase de andalo sen medo”. Pechou a ronda de intervencións o alcalde carballés, Evencio Ferreiro, quen sempre se distinguiu polo seu apoio á asociación. Para finalizar o acto un grupo representativo de usuarios de Aspaber subiu ó escenario para cantar o “Cumpreanos feliz” e soprar as velas dunha gran tarta.


Imaxes