Simulacro electoral en Aspaber de cara ás próximas Eleccións Xerais
26 de abril de 2019 - Do sector
En vésperas das próximas Eleccións Xerais, esta semana en Aspaber realizouse, grazas á colaboración do Concello de Carballo, unha recreación o máis real posible de todo o proceso que conleva unhas votacións. As primeiras votacións para moitas persoas con discapacidade intelectual nas que poderán exercer este dereito que durante tanto tempo lles foi negado, logo do recente cambio da Lei Orgánica de Réxime Electoral (LOREG) a finais de 2018.
Con este ensaio practicamente todas as persoas do Centro de Día como do Centro Ocupacional da entidade, foron pasando polas urnas para coñecer de maneira práctica como se exerce o dereito ao voto, nunha recreación dun colexio electoral no que non faltaron as urnas, as cabinas, a señalética e as papeletas, tanto para o Congreso dos Deputados como para o Senado de todos os partidos políticos presentes nestas próximas Eleccións Xerais.
Ademáis de ensaiar a votación, algunhas das persoas que fixeron esta práctica tamén poideron experimentar o que é formar parte dunha mesa electoral, e deste xeito analizar as dificultades que poderían atoparse o día da convocatoria das eleccións en caso de ser seleccionados para formar parte dunha mesa electoral.
Coa publicación da reforma da Lei Electoral remata un proceso de proposta, loita e presión social por parte do movemento social español da discapacidade, conseguindo que máis de 100.000 persoas en España con discapacidade intelectual e máis de 5.000 en toda Galicia poidan exercer con plenas garantías o seu dereito ao voto nos próximos comicios, ademáis de poder ser elexidos en calquera cota electoral.
Según esta Lei, despois da reforma, ningunha persoa con discapacidade se lle poderá retirar no futuro o dereito de sufraxio, activo e pasivo, e quen estivese nesta situación á súa entrada en vigor recuperarao de modo automático sen ningún tipo de xestión ou trámite pola súa parte.