ASPABER en Mallorca para falar de concertación social para o emprego
17 de febreiro de 2023 - Novas
A Xerente da asociación ASPABER, Dolores Fernández García, participa este venres en Palma de Mallorca nunha mesa redonda titulada “A concertación dos servizos de orientación laboral: o camiño da colaboración público-privada”. A mesa celébrase no marco da xornada de presentación do Concerto dos servizos de orientación laboral no ámbito do Terceiro sector de acción social, que organiza o Goberno autonómico das Illas Baleares. Fernández García asistirá ao evento en calidade de Presidenta de IN-RED: Asociación empresarial galega de entidades non lucrativas da discapacidade.
A concertación dos servizos sociais é unha modalidade innovadora de colaboración entre a Administración pública e as entidades privadas que prestan servizos a colectivos sociais, como por exemplo persoas con discapacidade, mozos desempregados de longa duración, presos e outras persoas en risco de exclusión social. Implica o recoñecemento por parte das institucións públicas do rol fundamental que xogan as entidades privadas sen ánimo de lucro no sistema de prestación dos servizos sociais.
Ata o de agora a concertación en España interesou sobre todo a prestación dos servizos educativos, sociais e sanitarios (centros de atención diurna, servizos residenciais, clínicas, etc.). As Illas Baleares serán a primeira Comunidade Autónoma en extender este modelo á prestación dos servizos de orientación profesionais para colectivos vulnerables, co obxetivo de favorecer a súa inserción no mercado laboral.
Xunto con Dolores Fernández García, participarán na mesa redonda o Director Xeral de Modelo Económico e Emprego do Goberno de Baleares, a responsable do Departamento Xurídico do Servizo de Emprego de Baleares e representantes de outras entidades do terceiro sector de acción social de nivel autonómico, entre elas as asociacións empresariais da discapacidade FoQua (Baleares) e DINCAT (Cataluña).
Na súa intervención, Fernández García analizará o estado da concertación social en Galicia e de qué forma é posible implementar na nosa Comunidade a concertación dos servizos de emprego para colectivos vulnerables. Xunto coas outras entidades representativas do terceiro sector de acción social, ASPABER e as outras entidades asociadas a IN-RED están dialogando coa Xunta de Galicia para impulsar a adopción dese modelo de concertación na Comunidade galega.
SOBRE ASPABER E IN-RED
ASPABER é unha asociación fundada fai 40 anos por familiares de persoas con discapacidade da comarca de Bergantiños. Conta con varios centros especializados de atención a persoas con discapacidade intelectual (centro de día, ocupacional, residencial e centro especial de emprego), que empregan a máis de 110 persoas. IN-RED é unha asociación empresarial de nivel autonómico. Os seus asociados son entidades sen ánimo de lucro, que prestan servizos a persoas con discapacidade intelectual, autismo, dano cerebral e enfermidade mental. Actualmente conta con 19 entidades socias, que empregan a máis de 800 persoas e facturan máis de 18 millóns de euros.
Ligazóns
- La gerente de Aspaber hablará en Mallorca de la concertación de servicios sociales y empleo [LA VOZ DE GALICIA]
- Aspaber participa en Mallorca en una mesa redonda sobre la concertación social del empleo [DIARIO DE BERGANTIÑOS]
- Aspaber exporta a Mallorca a súa visión sobre a concertación de servizos sociais [QUE PASA NA COSTA]
- El empleo para los vulnerables, a debate [LA VOZ DE GALICIA]