A Xunta pon en valor en Mallorca o programa de formación dual co que está a mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade
21 de abril de 2023 - Novas
Nota de prensa publicada pola XUNTA DE GALICIA
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou en Palma de Mallorca nunha xornada de intercambio organizada pola Fundación Amadip-Esment e a patronal da discapacidade FoQUA
A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, participou hoxe en Palma de Mallorca nunha xornada de intercambio de experiencias sobre emprego inclusivo, na que puxo en valor o programa galego trianual de formación dual dirixido a persoas con discapacidade intelectual ao que a Xunta destinará este 2023 medio millón de euros.
Na visita organizada pola Fundación Amadip-Esment e a patronal da discapacidade FoQU a centros especiais de emprego da comunidade balear, a secretaria xeral destacou que a Xunta de Galicia está a brindar oportunidades ás persoas con discapacidade “para mellorar a súa inserción profesional, a través de proxectos de formación adaptados, que alternan entre o emprego e a cualificación, e que habilitan para a obtención de certificados de profesionalidade”.
A través da formación dual que se desenvolve en Galicia nos Centros Especiais de Emprego, especificou, se favorece a inserción laboral do colectivo, ao ofrecer ás persoas desempregadas con discapacidade intelectual un contrato para o posto de traballo, exercendo as súas tarefas de xeito presencial con itinerarios formativos adaptados e estables, de tres anos de duración.
A Administración galega apoia cada ano, ademais, a creación e mantemento de postos de traballo en centros especiais de emprego (27,04M€ orzamentados en 2023) e en empresas de inserción laboral, (1,24M€).
A comunidade conta tamén cunha liña específica do programa Galicia Emprega Discapacidade - Exclusión Social dotada no presente exercicio con máis de 3M€ e puxo en marcha o ano pasado un servizo de intermediación avanzado para este conxunto de traballadoras e traballadores en colaboración coas principais entidades de representación autonómica do colectivo.
A Xunta está a apostar pola integración laboral de todas as persoas no sistema produtivo dando resposta a unha necesidade social esencial. Tal e como remarcou Toca, o acceso ao emprego é un “elemento decisivo” para a participación destas traballadoras e traballadores na economía e na sociedade.