A tradicional Gala de Nadal de Aspaber volve a Carballo con teatro, sorpresas e espírito festivo
18 de decembro de 2024 - Do sector
A asociación Aspaber organiza, un ano máis, a súa tradicional Gala de Nadal, que terá lugar o próximo sábado 21 de decembro ás 12:00 horas no Pazo da Cultura de Carballo. O evento, aberto a todo o público e de entrada gratuíta, reunirá a 120 usuarios do centro, que representarán unha peza teatral cargada de ilusión e talento, cunha duración aproximada dunha hora.
Como ven sendo habitual, a gala contará cunha sorpresa especial vinculada á Televisión de Galicia (TVG), tradición que xa se converteu nun dos momentos máis esperados do acto.
A cita supón unha oportunidade única para visibilizar o traballo e esforzo das persoas usuarias da asociación, así como para celebrar estas datas tan especiais con toda a comunidade. Todas as institucións están convidadas e, ao igual que en edicións anteriores, agárdase unha ampla representación de autoridades e entidades que apoian esta importante iniciativa.
Unha vez concluída a gala, a celebración continuará coa comida de Nadal de carácter interno, que reunirá a unhas 400 persoas entre usuarios, familiares e equipo do centro, consolidando un ambiente de convivencia e unión. Dende a Asociación Aspaber faise un chamamento a todos os veciños e veciñas de Carballo e arredores para que se sumen a este evento cheo de emoción e espírito de Nadal.