ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

Éxito rotundo na Gala de Nadal de Aspaber: risas, talento e emoción encheron o Pazo da Cultura de Carballo

7 de xaneiro de 2025   -    Do sector

Éxito rotundo na Gala de Nadal de Aspaber: risas, talento e emoción encheron o Pazo da Cultura de Carballo Lucía Veiga, Laura Añón e Pepe Capelán na Gala de Nadal de ASPABER

O pasado sábado, 21 de decembro, o Pazo da Cultura de Carballo encheuse ata a bandeira para acoller a tradicional Gala de Nadal de Aspaber, consolidada como unha das citas máis esperadas do ano na vila.

Nesta edición, os 120 usuarios do centro ofreceron un espectáculo inesquecible coa representación dunha parodia do recoñecido programa da TVG Malicia Noticias, conseguindo que o público non parase de rir durante toda a actuación. A sorpresa deste ano foi a participación dos propios presentadores do programa, Pepe Capelán e Lucía Veiga, esta última recente nominada ó Premio Goya a Mellor Actriz Revelación, os que aportaron un toque máxico ó evento co seu carisma e simpatía.

A gala tamén contou coa intervención especial da carballesa Laura Añón, mítica figura televisiva e do mundo das orquestras, que puxo o toque musical coa estrea en galego da súa versión da panxoliña "Burrito Sabanero", deleitando ó público co seu talento.

Entre os asistentes destacaron a presencia de representantes das corporacións locais de Carballo, Laracha, Malpica, Coristanco, Ponteceso, Laxe e Zas, que non quixeron perderse esta cita tan importante.

Ó finalizar o acto, tamén se levou a cabo unha xornada de convivencia coa comida de Nadal de carácter interno, que reuniu a unhas 400 persoas, entre usuarios, familiares e equipo da asociación.

Dende Aspaber, agradécese de corazón a toda a cidadanía a súa asistencia e apoio, facendo posible que esta gala non só destaque polo seu carácter artístico e festivo, senón tamén pola súa capacidade para visibilizar o esforzo e talento das persoas usuarias.


Ligazóns

Imaxes