ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

Recibimos a visita da Directora Xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón Fernández

27 de maio de 2025   -    Do sector

Recibimos a visita da Directora Xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón Fernández

Esta mañá, tivemos o pracer de recibir en ASPABER a Begoña Abeijón Fernández, Directora Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, nunha xornada clave para visibilizar os servizos que a entidade desenvolve e expoñer as necesidades máis urxentes no ámbito da discapacidade.

Durante a visita, aproveitouse para poñer sobre a mesa a crecente necesidade de prazas no Centro de Día, así como de prazas residenciais, dous piares fundamentais para atender á poboación con discapacidade intelectual.

A Directora Xeral percorreu as instalacións e coñeceu o funcionamento do servizo de psiquiatría dentro da unidade de saúde mental, unha prestación esencial para o benestar integral dos usuarios/as. Ademais, tivo a oportunidade de descubrir o proxecto de Aprendizaxe-Servizo (ApS) sobre materiais didácticos adaptados, desenvolvido en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través dos perfís de Educación Social e Maxisterio. Este proxecto permite aos usuarios/as traballar con materiais deseñados especificamente para fomentar a aprendizaxe e a autonomía.

Abeijón Fernández tamén visitou as instalacións da FP Dual, e coñeceu os talleres de manipulados, carpintería, escaiola e soldadura plástica, e foi testemuña das actividades transversais ao aire libre a través dunha práctica de habilidades do supermercado.

Na visita estiveron presentes María Blanco, Directora Territorial da Concellería de Politica Social e Igualdade na Coruña e José Rey Torres, concelleiro do grupo municipal do Concello de Carballo.

Desde ASPABER, agradecemos tamén a presenza dos medios de comunicación que acompañaron esta xornada.


Ligazóns

Imaxes