ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

ASPABER presenta no Fórum de Carballo 13 recursos didácticos interactivos adaptados elaborados polo alumnado da USC

8 de maio de 2026   -    Do sector

ASPABER presenta no Fórum de Carballo 13 recursos didácticos interactivos adaptados elaborados polo alumnado da USC

ASPABER viviu hoxe unha xornada moi especial no Fórum de Carballo coa presentación das APS deseñadas e elaboradas polo alumnado de Tecnoloxía Educativa de 3º curso do Grao de Pedagoxía da Universidade de Santiago de Compostela, dentro do convenio de colaboración que a entidade mantén coa USC.

O acto reuniu arredor de 80 participantes e permitiu dar a coñecer un total de 13 novos recursos didácticos interactivos adaptados ás persoas con diversidade funcional, creados co obxectivo de apoiar aos usuarios e usuarias de ASPABER en diferentes situacións da vida cotiá.

Entre os materiais presentados atopábanse propostas como Micromundo, O meu día na perruquería, Como poñer unha lavadora?, Imos vacinarnos!, Libro interactivo de sons, Moedeiro dixital, SUPER-MERCANDO, Entendo e Actúo, Situacións na casa, Como recoñecer estafas en rede, Visita ao restaurante, Ducha e benestar: O meu momento de coidado ou Imos facer unha análise clínica!

Os proxectos abordan cuestións prácticas e funcionais como acudir a unha perruquería ou restaurante, utilizar unha lavadora, un microondas ou unha máquina expendedora, acudir a vacinarse ou aprender a xestionar a resposta emocional ante diferentes situacións.

Á presentación asistiron o alcalde do Concello de Carballo, Daniel Pérez, e membros da corporación municipal, amosando unha vez máis o apoio institucional ao labor de inclusión e acompañamento que ASPABER desenvolve desde hai décadas.

Desde a entidade quixeron agradecer especialmente a implicación de todo o alumnado e profesorado participante nesta experiencia, destacando o valor de crear solucións innovadoras, accesibles e funcionais para dar resposta aos retos diarios que afrontan as entidades sociais.

Con iniciativas coma esta, ASPABER continúa fortalecendo a súa colaboración co ámbito universitario e educativo, apostando pola innovación social e pola creación de ferramentas que melloren a autonomía e a inclusión das persoas con diversidade funcional.


Inauguración do acto de presentación dos recursos didácticos

Ligazóns

Imaxes