ASPABER Asociación
ASPABER Asociación

Asociación de Pais de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños

A USC e ASPABER impulsan unha plataforma pioneira para a reserva de materiais didacticos accesibles

18 de xuño de 2026   -    Do sector

Santiago de CompostelaXoves, 18 de xuño de 2026A Universidade de Santiago de Compostela, a través de profesorado da Facultade de Ciencias da Educación, e ASPABER (Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual de Bergantiños) acaban de formalizar un contrato para o deseño e desenvolvemento dunha innovadora plataforma web destinada á reserva e xestión de materiais didácticos accesibles.

A iniciativa supón un novo paso na colaboración que ambas institucións manteñen desde o curso 2022-2023 e que permitiu crear decenas de recursos educativos adaptados para persoas con diversidade funcional grazas á participación de máis dun cento de estudantes universitarios de diversas titulacións da Facultade de Ciencias da Educación en proxectos de Aprendizaxe-Servizo (ApS).

O novo proxecto ten como finalidade converter ASPABER nun centro de referencia para a difusión e préstamo destes materiais. A través da futura plataforma, centros educativos, colexios rurais agrupados, asociacións, entidades sociais e outros profesionais da educación poderán coñecer os recursos dispoñibles, consultar as súas características e solicitar a súa reserva para a súa utilización en contextos educativos e formativos.

A plataforma comezará incluíndo medio cento de materiais didácticos elaborados ao longo destes anos de colaboración entre a USC e ASPABER. Ademais da súa función de reserva, contará con fichas descritivas detalladas que facilitarán o coñecemento das características, obxectivos e posibilidades de uso de cada recurso.

O contrato contempla o desenvolvemento integral da plataforma, incluíndo o deseño pedagóxico e conceptual, a elaboración dos contidos, a coordinación do
desenvolvemento técnico, as probas de validación e a formación do persoal de ASPABER para garantir a súa correcta utilización e actualización futura.

O equipo responsable do proxecto por parte da USC está integrado polas profesoras Silvia López Gómez e Carmen Fernández de la Iglesia, xunto cos profesores Jesús Rodríguez Rodríguez e Pablo Gayo Pérez, todos eles adscritos ao Departamento de Pedagoxía e Didáctica da Facultade de Ciencias da Educación. A duración prevista do proxecto é de oito meses, período durante o cal se completará o desenvolvemento e posta en funcionamento da plataforma.

Unha colaboración consolidada
A relación entre a USC e ASPABER permitiu desenvolver nos últimos anos múltiples accións orientadas á creación de materiais didácticos inclusivos e accesibles. Como resultado deste traballo colaborativo foron elaborados e entregados numerosos recursos educativos adaptados ás necesidades de persoas con trastorno do espectro autista (TEA) e outras condicións de diversidade funcional.

A nova plataforma permitirá dar un salto cualitativo, facilitando que os materiais creados non queden restrinxidos ao ámbito da propia entidade, senón que poidan chegar a centros educativos e organizacións de toda Galicia, ampliando así o seu impacto social e educativo.

Con esta iniciativa, a USC e ASPABER reforzan o seu compromiso coa inclusión, a innovación educativa e a transferencia social do coñecemento, poñendo a disposición da comunidade educativa un servizo pioneiro que favorecerá o acceso a recursos didácticos especializados e de calidade.