27 de novembro de 2017
Despois de gañar recentemente o concurso público para a limpeza viaria do Concello de Malpica, o Centro Especial de Emprego Aspaber asinou o pasado venres na Casa Consistorial o contrato de vinculación co Concello por unha duración de dous anos e posible prórroga por un ano máis.
No acto participaron o alcalde, Eduardo Parga; o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández; o presidente de Aspaber, Francisco Costa, e a directora do Centro Especial de Emprego, Dolores Fernández.
Con esta adxudicación, o Centro Especial de Emprego Aspaber renova a súa vinculación co Concello, xa que dende mediados do ano 2013 levaba desenvolvendo tarefas de limpeza viaria en Malpica. O personal de Aspaber encargarase da limpeza viaria, varrido e baldeo, limpeza de papeleiras, carteis e pintadas, entre outras funcións.
O alcalde de Malpica expresou a súa satisfacción por poder seguir contando co Centro Especial de Emprego, non só polo bo facer que ten demostrado, senón tamén porque este novo contrato permite ao Concello de Malpica seguir materializando o seu compromiso coa integración laboral das persoas con discapacidade.