24 de xullo de 2020
Nova publicada por La Voz de Galicia – CARBALLO - 24/07/2020
“O Concello apela á responsabilidade para que os veciños as depositen donde deben”
O servizo de limpeza viaria de Carballo recolle cada día do chan unha media de 500 máscaras usadas e unha cantidade aínda superior de luvas. É «incontable», según afirman traballadores de Aspaber, a concesionaria deste servizo. De feito, é tal a cantidade colleitada que, nunha soa semana de recollida selectiva destes produtos, conseguiron encher o colector.
Responsabilidade veciñal
«É unha barbaridade que dende o Concello de Carballo queremos atallar», indican dende o executivo, que apela á responsabilidade veciñal para atallar un problema que vai en aumento segundo se vai impoñendo máis o uso da máscara.
Para visibilizar a magnitude desta circunstancia e facer reflexionar á poboación colocouse onte un gran recipiente transparente na rúa Coruña coas luvas e máscaras recollidas en menos de dúas xornadas de traballo nas rúas de Carballo.
Trátase dunha iniciativa similar á que xa se impulsou no seu día para concienciar aos veciños de que non deben tirarse cabichas pola rúa, e será só a primeira dunha serie de exposicións itinerantes que o goberno local levará a cabo próximamente para seguir enfatizando neste aspecto.
Foco de infección
É unha iniciativa simbólica coa que, como explicou o edil de Servizos, Luis Lamas, trátase de chamar a atención sobre dous aspectos: «Un, o sanitario, e outro, o de limpeza e hixiene das rúas de Carballo», asegura. E engade: «Debemos concienciar á poboación sobre o uso das papeleiras e contedores, porque ademais é un lixo que supón un risco potencial de infección».
Na mesma liña o rexedor, Evencio Ferrero, recordou a necesidade de xestionar de maneira especial os residuos que poidan ter algunha carga vírica, dada a situación na que estamos. «Debemos facer un chamamento á responsabilidade e dicir que Carballo somos todos, e todos temos que ser co-responsables coa parte que nos toca. Se o servizo de limpeza funciona con eficiencia tamén é porque a xente colabora. Esta iniciativa permítenos ver o comportamento que temos, pero se todos nos comportamos de maneira responsable e cívica estamos tamén preservando a saúde de todas e todos», indicou o rexedor carballés.