2 de novembro de 2021
A directora do Centro Especial de Emprego ASPABER, Dolores Fernández, acompañada do presidente da entidade, Rufino Fraga reuniuse no día de onte co alcalde da Laracha José Manuel López Varela e membros da súa corporación para asinar o novo contrato de limpeza viaria por un período de catro anos, prorrogables por outros dous.
O CEE ASPABER seguirá limpando a rede viaria larachesa despois de volver a gañar este procedemento dirixido exclusivamente a centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral de persoas con diversidade funcional.
A principal novidade será a inclusión da limpeza da praia de Caión. Ademais contémplase o varrido manual nos núcleos urbanos (frecuencia diaria) e rurais, baldeo mecánico, eliminación de herbas no borde da calzada e nas beirarrúas, mantemento de papeleiras e intervencións especiais en momentos puntuais do ano (caída da folla no outono, xornadas de feira en Paiosaco, festas populares, etc).