10 de agosto de 2013

O presidente do centro especial de emprego de Aspaber, Francisco Costa, e a xerente, Dolores Fernández, presentaron onte na súa nova sede larachesa os servizos que prestarán no municipio tras conseguir o contrato de limpeza viaria e xestión do punto limpo. No acto estiveron arroupados non só polo goberno municipal, senón tamén polo rexedor de Malpica, Eduardo Parga, e a alcaldesa en funcións de Carballo, Milagres Lantes, dous concellos nos que xa traballa o equipo humano de Aspaber.

A mellora das prestacións, a rendibilidade económica do proxecto presentado por Aspaber -o aforro anual superará os 20.000 euros- e sobre todo a inserción laboral que propón foron claves para conseguir o contrato. Pero para os responsables do centro especial, apuntou a súa directora, «ou máis importante é a creación de emprego para persoas con discapacidade». Catro operarios en prácticas se incorporarán en setembro o equipo dos cinco profesionais subrogados da anterior concesionaria.

Aínda con isto, tal como destacaron o presidente e a directora, Aspaber non deixa de ser unha empresa competitiva que busca posicionarse en diferentes mercados e que, grazas ao seu sistema de organización, está a conseguir moi bos resultados mesmo en tempos de crise.


Novidades

O cambio de xestión na Laracha implicará unha serie de melloras, entre elas a ampliación do horario de apertura do punto limpo aos sábados pola tarde. Tamén se reforzará o servizo de limpeza en datas sinaladas, como as festas. Pero a gran novidade será a recollida de voluminosos, ata agora inexistente, e de cartón a pé de rúa. O alcalde, José Manuel López Varela, destacou que estas medidas poderían axudar a reducir o custo para os veciños.

«Satisfacción é a palabra que reflicte o servizo que está a prestar Aspaber, e tamén que fose esta empresa a concesionaria dos contratos polo labor social que está a levar a cabo», destacou o rexedor, quen asegurou ademais que os cidadáns tamén lle están a transmitir esa satisfacción. E é que as prestacións non rematan aí. A empresa habilitou un local para que os usuarios teñan un punto de referencia ao que acudir en caso de calquera dúbida. Pero para o Concello a informática é clave, e por iso dispoñerán dunha web e unha tablet nas que se poderán consultar en tempo real o desenvolvemento dos traballos. Pero para iso haberá que esperar ata setembro.